Wednesday 08 de May de 2024

A Xunta instala no Colexio Rural agrupado de Coristanco un invernadoiro para formar os escolares en horta ecolóxica


A construción, de 24 metros cadrados e cun atractivo deseño en forma de capela de policarbonato ríxido de gran duración, servirá para que o alumnado faga prácticas relacionadas coa produción hortícola en ecolóxico

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, vén de rematar a construción dun invernadoiro no Colexio Rural Agrupado (CRA) de Coristanco, na provincia da Coruña. Trátase dunha instalación de 24 metros cadrados dun atractivo deseño en forma de capela de policarbonato ríxido de gran duración que se tratou de integrar no medio educativo como un elemento máis de formación e lecer. Nel, os cativos van desenvolver prácticas relacionadas co medio agrario e máis concretamente coa produción ecolóxica.

A Xunta considerou que este centro educativo, pola súa situación no medio rural, era idóneo para tratar de introducir na contorna escolar elementos vinculados á actividade agraria. O obxectivo é que os nenos e nenas poidan levar ao centro escolar os coñecementos adquiridos nas actividades da horta familiar e ao revés, que os saberes adquiridos no colexio se introduzan nas prácticas agrarias das familias, xa sexan profesionais da agricultura ou non.

A produción ecolóxica é unha eficaz ferramenta de desenvolvemento económico no rural e mediante este tipo de instalacións o alumnado pode tomar contacto con sistemas de produción libres de residuos e que empreguen só fertilizantes orgánicos. Deste xeito, poden interiorizar xa desde pequenos esta forma de producir alimentos sans e seguros, que vai ter nos vindeiros anos unha gran demanda polas persoas consumidoras e unha gran aceptación social polo respecto ao ambiente que leva consigo.

Para o desenvolvemento deste proxecto, a Agacal vai contar coa colaboración do Consello regulador da Agricultura ecolóxica de Galicia (Craega), que vén de desenvolver contidos educativos específicos para cada grupo de idade escolar e que se van distribuír de xeito xeneralizado nas escolas acollidas ao plan “Proxecta”. Así mesmo, levarase a cabo un seguimento individualizado de cada invernadoiro nas primeiras fases de posta en marcha do proxecto.

Ademais desta instalación escolar situada no municipio coruñés de Coristanco, a Xunta construíu tamén outros dous invernadoiros idénticos nos CRA de Ribadavia (Ourense) e Tomiño (Pontevedra), coa mesma finalidade didáctica relacionada coa produción de horta en ecolóxico.